martes, 28 de mayo de 2013

Educación

Hai discusións que polos termos nos que se desenvolve rematan por resultar absurdas. No caso da futura nova lei educativa, a LOMCE, hai algunhas consideracións que, por demagóxicas, están fora de lugar e distan moito de enmarcarse na defensa das diferentes, e lexítimas, visións ideolóxicas. Por riba, centran o seu esforzo crítico en detalles que, aínda que importantes, non afondan na raíz do problema: o actual sistema non funciona. Hai datos obxectivos que, pola súa negatividade, convidan, case obrigan, a reformular criterios. Por exemplo, a taxa de fracaso escolar. Prácticamente un de cada catro alumnos abandoan a súa formación nos primeiros ciclos formativos; o fracaso escolar dobra a media dos países do noso entorno e, a maiores, o noso país está moi lonxe de ocupar os primeiros postos por resultados académicos. Coido que éste, por si mesmo, é xa un argumento de peso para chegar á conclusión unánime de que algo hai que facer para variar a traxectoria da tendencia. Non hai que desdeñar tampouco o investimento que se adica a Educación. Que, dito sexa de paso, nunca é demasiado. O futuro (o de todos) depende delo. Das escolas de hoxe, teñámolo sempre presente, sairán os profesionais vindeiros; os homes e mulleres que conformarán a sociedade futura. E, deixando á marxe consideracións obvias como que a educación é un dos piares irrenunciables da nosa sociedade, no que os índices de rendabilidade non poden medirse únicamente por variables económicas, tampouco hai que desdeñar a evidencia de que, a pesares de que no transcurso da última década o Estado duplicou a partida orzamentaria adicada a esta materia, os resultados, lonxe de mellorar, empeoran de xeito sangrante. Se, adicando 53.000 millóns de euros a educación, superamos folgadamente a media dos países da Unión Europea pero temos un dos peores resultados, parece de caixón de madeira de pino que, detectado o problema, se busquen solucións. E iso é o que pretende a futura lei. Mellorar a calidade do ensino; estimular ós estudantes e valorar e fomentar o seu esforzo; reforzar a imaxe e a autoridade dos docentes; homoxenizar o contido das ensinanzas con independencia da Comunidade Autónoma na que se resida e sen menospreciar, en ningún caso, as diferentes linguas cooficiais; modernizar a Formación Profesional e adecuala ás necesidades do mercado laboral… Son aspectos que se abordan na futura lei. Aspectos que redundan en mellorar a calidade do noso sistema educativo e perseguen invertir a tendencia, e pasar do fracaso actual ó éxito futuro.

No hay comentarios: