martes, 23 de julio de 2013

En contacto

Estar a pé de rúa é unha bandeira que enarbola o Partido Popular de Lugo. Coido que é xa un sinal de identidade que nos identifica e diferencia, ó que apelamos sempre e que mantemos con indiferencia e independencia do intre político no que nos atopemos. A nosa vocación é ser un partido forte, dinámico e en contacto permanente coa sociedade á que aspiramos representar da mellor maneira posible. Presumimos de ser o partido que máis se parece á sociedade e, en boa medida, acadamos ese obxectivo precisamente pola cercanía que mantemos coa nosa militancia e que facemos extensible sempre que a ocasión o permite a toda a cidadanía coa organización de encontros sectoriais, reunións informativas abertas ou calquera outra ferramenta que facilite ese propósito. Nesta vocación, e co ánimo de manter a vitalidade da organización, enmárcase o proceso de renovación que estamos a desenvolver na provincia dende a primaveira e o reforzo que estamos a dar á estructura territorial, acorde coa renovación do organigrama directivo que decidimos no último congreso provincial. O obxectivo non é o outro que redundar nesa idea de proximidade, de facer o máis efectivo posible ese achegamento do partido á sociedade na procura de dar solución ós problemas que acucian ós cidadáns. O punto de partida para resolver as inquedanzas da sociedade é ter información directa, coñecelas en profundidade; e neste contexto tamén é moi importante recoller as suxestións que fan os cidadáns para resolver eses problemas. Un partido político ten que ser reflexo da sociedade á que representa. E unha formación como a nosa, que asume a responsabilidade engadida de sustentar a acción política de gobernos en diversos ámbitos territoriais de xestión, correspóndelle ser unha correa de trasmisión da acción política deses gobernos. Ten a obriga de trasladar á sociedade as decisións que se adoptan e de dar cantas e debidas explicacións sexan necesarias e requeridas polos cidadáns. Nesa laboura está o Partido Popular de Lugo coas xuntanzas que está a desenvolver ó longo e ancho de toda a provincia como por outra banda vén facendo xa nos últimos anos.

No hay comentarios: