martes, 3 de septiembre de 2013

Contra os pirómanos

“Os que onte foron bosques e selvas de agreste espesura, onde envoltas en dulce misterio ó raiar o día flotaban as brumas, e xermolaba a fonte serena entre flores e mofos oculta, hoxe son áridas lombas que ostentan deformes e negras as súas fondas gretas”. É unha estampa triste a que retrata eiquí Rosalía pero é tamén, desafortunadamente, a realidade da Galicia de hoxe. Un ano máis, un verán máis, a nosa comunidade, esa que acolle preto da metade da masa forestal existente en España, ostenta o fatídico récord de ser a máis afectada polos lumes, de ser unha inmesa columna de fume cheirenta. A praga voltou a extenderse polos montes galegos e a esa voraz lingua incandescente pouco lle importa que o que converte en cinsa fora antes pino, carballo centenario, cepa vella, herba seca ou mesmo fogar anónimo ou facenda activa. Non lle importa nin a vida da terra, nin a historia das árbores que devora, nin sequera a riqueza medioambiental e económica que esvaece. A eses terroristas medioambientais que prenden a mecha, calquera que sexa a súa variedade, dende os pirómanos aillados ata os delincuentes organizados, pouco parece importunalos converter a frondosidade dos nosos bosques nunha paisaxe luar inhóspita e morta; transformar a espesura, que tantas décadas precisou para afianzarse, nun azabache, que tardará aínda máis en desdibuxarse. O sol e o vento alentan a súa desfeita. Pero nin a naturaleza nin tampouco as esporádicas neglixencias, ante as que nunca hai que minguar a atención nin baixa a guardia, son responsables deste dramático contexto. Os culpables son os de sempre. E cómplices dese mal e desa dor somos todos os que, ante ese ataque indiscriminado e sinsentido, mantémonos mudos e cegos. Non pode haber tolerancia, nin xustificación, nin perdón para quen actúa desta xeito. Apelo á responsabilidade e tamén á resposta cidadana contra os incendiarios. Se, entre todos, non lles paramos os pés, non haberá maneira, por moitos medios humanos e materiais que adiquemos, de frealos e erradicar as súas fechorías. Tolerancia cero para os pirómanos. E inmenso agradecemento ós que, dende a primeira liña, sexan veciños, brigadistas ou forzas da orde, loitan para impedir o avance do lume.

No hay comentarios: