martes, 17 de septiembre de 2013

No camiño

Non é o contexto ideal. Hai aínda moito que facer. O proceso reformista debe seguir. Fundamentalmente porque había moitas cousas que enderezar. Pero hai que recoñecer tamén que neste intre constatáronse algunhas melloras significativas que afianzan un troco de tendencia dos nosos índices económicos. Os baremos non chegan ata as cotas desexables. É certo. Nembargantes tampouco podemos sucumbir ó pesimismo extremo de minimizar a relevancia dos datos positivos acadados. A intensidade dos últimos meses extenuáronnos pero hai datos obxectivos que nos permiten valorar na xusta medida os pasiños dados. Neste punto deberíamos voltar a vista atrás un chisco e lembra que hai escasamente un ano non deixábamos de sobresaltarnos coas continuas subas da prima de risco e coa omnipresente ameaza dun rescate. Uns pantasmas que, hoxe por hoxe, espantamos definitivamente. Temos moi presente a lousa do desemprego. Este verán tivemos os mellores datos dende 1999 e probablemente o vindeiro ano estaremos en condicións de voltar a crear emprego neto. É un bo pronóstico pero non hai dúbida de que ese aspecto continuará a ser unha fonte de inquedanza durante algún tempo máis. A prima de risco está controlada e é constante a súa tendencia á baixa. A bolsa sube. O proceso de reestructuración e recapitalización do sistema financiero está endereitado. O sector exterior tamén é portador de boas novas. O balanzo das exportacións é positivo e a balanza comercial mantense equilibrada. A confianza exterior na nosa economía é un feito. A Comisión Europea considera exemplar o traballo desenvolto polo noso país e algúns líderes do noso entorno non escatiman loas ó esforzo destes últimos meses. Tamén o optimismo interior estase a recuperar e o consumo comenza a despuntar. Ainda non superamos a crise pero estamos no camiño axeitado para conseguilo.

No hay comentarios: