martes, 15 de octubre de 2013

Pensións

Hai realidades ás que é imposible (ou case) opoñerse. A poboación, os cambios de tendencia que as súas taxas están a experimentar, é unha delas. A pirámide demográfica española está variando ostensiblemente. Unha maior esperanza de vida, o retraso da idade de maternidade, a rebaixa da taxa de natalidade… fan que o que principiou sendo un equilátero case perfecto rebase o abombamento actual e acabe, dentro de non demasiadas xeracións, por invertirse. Dentro de cuarenta anos, un de cada tres españois terá máis de 65 anos; pasaremos de nove a 15 millóns de pensionistas. Coido que a previsión é suficientemente gráfica. É un problema. Un gran problema. Ante as dificultades hai, ademáis de recoñecelas e asumilas, buscarlle solucións; e nese contexto hai que situar a reforma das pensións acometida polo Goberno de Rajoy. Se pretendemos evitar non xa a quebra do sistema, que adoece dun déficit estructural innegable, senón manter a súa sostibilidade (léase: pública, autofinanciable e solidaria interxeneracional), temos que actuar. Un reto ante o que o Goberno non se achantou, asumiu a súa responsabilidade (a mesma que obviaron outros antes a pesares de dispoñer dos mesmos e inequívocos indicadores) e fixouse obxectivos: garantir, a medio pero sobre todo a longo plazo, que os cotizantes de hoxe cobren mañá. Así de sinxelo. Así de compricado. Pode que a algúns unha revalorización anual fixa das pensións do 0,25 por cento, goberne quen goberne (é importante este detalle), lles pareza escasa. A discrepancia é lexítima e digna de respeto. Nembargantes, se os que suscriben esta crítica son os mesmos que defenderon, acataron ou simplemente calaron ante a decisión de conxelalas, adoptada en 2010 polo Goberno de Zapatero, a comprensión non é que se reduza, disípase. Unha suba mínima continuada no tempo, á que, nunha situación económica normalizada de crecemento, se lle poida, a maiores, engadir o incremento do IPC, penso que non é unha mala opción, máxime se a comparamos coa solución aplicada polos socialistas.

No hay comentarios: