martes, 7 de enero de 2014

Os retos do 2014

Principiamos o novo ano con boas novas. A prima de risco por baixo da barreira psicolóxica dos 200 puntos, o valor máis baixo dende hai dous anos e medio, a niveis de maio do 2010; e unha rebaixa do paro que supón unha caída histórica no mes de decembro. Ata os sindicatos valoraron con optimismo que, por primeira vez dende 2011, se creara emprego público. A previsión de Luis de Guindos de que neste 2014 haberá unha significativa creación de emprego neta vai xa nestes primeiros días do ano tomando forma. Trátase, ó fin, de afianzar a tendencia, aínda que sexa paseniño. Coma dixo o Presidente Rajoy no seu día, os grandes sacrificios feitos pola sociedade española terán a súa recompensa En calquera caso, non hai dúbida de que 2014 preséntase tamén cheo de retos, sobre todo porque non podemos caer no triunfalismo nin nun optimismo desmedido. Hai moito traballo por facer pero, no ecuador da lexislatura, hai datos obxectivos que avalan os pasos dados. Incluso dende Europa nos chegan felicitacións polo esforzo feito (que foi moito), o que afianza máis se cabe as expectativas postas na recuperación. O primeiro ano do Goberno de Rajoy foi tempo de estabilizar; o segundo, de profundas reformas e duros sacrificios. Agora, superada a recesión, é o momento de ir pensando nos froitos, tan desexados por certo. A reestructuración do sistema financieiro está completada. A súa falta de solvencia supoñía un atranco importante e dificultaba a recuperación económica do país. A finais do pasado ano tamén se deron os últimos retoques á reforma laboral e está en marcha a reforma local. O déficit está a seguir a senda marcada; a inflación controlada; o PIB vai repuntando coa balanza de pagos e a inversión exterior en positivo… Coido, sen dúbida, que o camiño é o correcto. Tamén nos queda por diante resolver o perigoso e estéril debate soberanista aberto en Cataluña. Mas tenta solventar os seus difíciles problemas políticos personais a costa de fomentar a división. Non conseguirá nembargantes o seu propósito, que claramente nace morto. O noso marco de convivencia constitucional non considera sequera a consulta independentista que pretende; e a súa tentativa de internacionalizar este desatinado desafío é, dende o inicio, tamén un fracaso clamoroso. Coa súa actitude estalle a facer un fraco favor a Cataluña e a España. Nestes tempos difíciles non hai espazo para a división e menos debería habelo aínda para a inestabilidade. A integración e a conciliación é o único camiño, sábeno todos os españois, tamén os españois que se sinten cataláns e os cataláns que, aínda o seu pesar, son españois.

No hay comentarios: