martes, 9 de septiembre de 2014

Futuro

Miramos ó futuro con optimismo. Temos razóns para facelo. Este ano, afortunadamente e grazas ó esforzo e a entrega de todos, como non me canso de repetir, non é como o pasado e menos aínda coma aquel negro 2012 coa sombra do rescate planeando sobre nós, e previsiblemente tampouco será coma o vindeiro, no que a situación económica do noso país mellorará outro chisco, non en van voltamos a ser o país da Unión Europea que máis medra. Non hai, como acertadamente recalcou o presidente Rajoy a semana pasada en Soutomaior, autocompracencia no afirmado. Únicamente constatación dunha situación que avalan os datos e que a tendencia xa facía vislumbrar. Unha realidade que confirma que imos polo bo camiño; que o feito, as decisións difíciles e duras adoptadas, están a dar froitos; e que austeridade, reformas, crecemento e benestar son, demostrado queda, perfectamente compatibles entre si. E hai que salientar, como tamén fixo o Presidente, que do mesmo xeito que a crise tivo os seus responsables, tamén a recuperación os ten. Teñámolo presente. Sintámonos por elo orgullosos do que somos e do que fomos, somos e seremos capaces de facer. E teñamos igualmente presente que aínda non chegamos á meta, que esta carreira de fondo non rematou. Temos que seguir profundizando nas reformas acometidas en materia económica (e mesmo desenvolver outras en ámbitos diferentes coma os xa propostos de reforma electoral, de reconsideración do aforamento dos cargos públicos ou mesmo o xa en marcha paquete de medidas encamiñadas a propiciar a rexeneración democrática que, entre outras cousas, asegure, como gráficamente dixo Mariano Rajoy, que quen a faga, a pague) para que precisamente poidamos afrontar ese futuro optimista con sosego, coa seguridade que aporta contar cuns alicerces sólidos que impidan a derruba ou un dano cualitativo importante no caso de que volvan vir mal dadas. Teñamos presente tamén que á volta da esquina xa hai un novo reto ó que enfrontarnos aínda que tendo moi claro que a soberanía do noso país está ostentada polo conxunto do pobo e que, en consecuencia, o que é de todos, a todos pertence e a todos compete decidir. Non hai tregua, por tanto, nin tempo para confiarse.

No hay comentarios: