martes, 21 de octubre de 2014

Ébola

Dende que o pasado 6 de outubro confirmárase o contaxio por ébola da técnico sanitaria Teresa Romero aconteceron un vórtice de acontecementos. A lóxica preocupación por semellante situación, sobre todo polo risco que supón para a directamente afectada, dada a gravidade da enfermidade, e o medo á ampliación do contaxio, deu paso ás máis variopintas reaccións e opinións. Dende cuestionar a decisión de repatriar ós misioneiros Pajares e García Viejo, uns españois que adicaron, con valentía e altruismo, a súa vida ós máis desfavorecidos e que, sen ningún atisbo de dúbida, personifican o máis claro exemplo posible de bonhomía humana ata un episodio esperpéntico cun can, de nome Excalibur, como protagonista. Non cuestiono, que quede claro, e moito menos trivializo o valor e vínculo afectivo que se establece cun animal doméstico, de calquera tipo que sexa. Coido que todos os que temos unha mascota na casa, convertida nun membro máis da familia, somos moi sensibles a este tipo de situacións pero de iso ó acontecido ás portas do domicilio de Teresa hai un treito moi longo. Require, de feito, unha reflexión profunda por parte de todos pero, de xeito moi especial, dos propios medios de comunicación, que contribuiron activamente á difusión e amplificación do acontecido. Nunha situación de alerta como esta, da que non existen precedentes, os medios de comunicación tamén deben de actuar con responsabilidade e moita prudencia. Na mesma medida que debemos facelo cada un de nós, as institucións e os propios partidos políticos, algúns dos cales, nun primeiro momento, fixeron gala desa sensatez para despois, visualizada a oportunidade de arañar un puñado de votos, optaron polo ataque despiadado, esquecendo que, neste momento, o máis importante é atender ás persoas afectadas. Tempo haberá para o debate político. Que non pense ninguén que con estas matizacións pretendo eximir o máis mínimo a responsabilidade do Goberno. De ningunha maneira! Só trato de chamar a atención sobre uns feitos que, no caso de Excalibru, considero estaban fora de lugar por desproporcionados. A toro pasado, claro está, sempre é moito máis doado valorar qué actuación resultaría máis axeitada e conveniente ante un feito concreto. Todo, sempre, é manifestamente mellorable. Pero, feito o matiz, e recoñecendo a obviedade, dado que se produxo o contaxio, de que houbo un erro no protocolo de seguridade e que as manifestacións dalgúns responsables sanitarios foron certamente desafortunadas e execrables, hai que recoñecer igualmente que tamén temos motivos para sentirnos orgullosos e para estar tranquilos. Orgullosos porque, pese a algunhas críticas tendenciosas e interesadas, o noso servizo sanitario é un dos mellores do mundo e poño esfecial énfase no persoal (do que Teresa é xa un bo exemplo). E tranquilos porque estanse a tomar as medidas preventivas e activas necesarias para controlar a situación, seguindo as directrices que marcan as organizacións internacionais de saúde, e en total coordinación, tanto a nivel nacional coma internacional. Teñamos presente que nin a repatriación dos afectados nin os protocolos activados en España son diferentes ós que están aplicándose no resto dos países do noso entorno. Agora, insisto, o importante é coidar axeitadamente dos afectados e tratar de controlar e frear o avance da enfermidade, dentro e fora das nosas fronteiras. É tempo de que, co inequívoco respaldo das institucións, actúen os especialistas; de seguir as directrices marcadas polos profesionais da saúde.

No hay comentarios: