martes, 2 de diciembre de 2014

Orzamentos

Sempre cando fago referencia á situación económica na que se atopa o noso país, algo ineludible cando se fala de orzamentos, insisto moito en contextualizar, en establecer o antes e o despois que supuxo a entrada no Goberno do Partido Popular. Déficit, recesión, emprego, taxa de afiliación á Seguridade Social, confianza, sector financieiro… son aspectos ou conceptos que inexcusablemente hai que mencionar e comparar. A conclusión á que se chega, botando man dos datos obxectivos, é a de que, nestes tres anos de lexislatura de duros axustes e sacrificios, acadouse un cambio de tendencia. Paulatino, máis lento do desexable, si. Pero un cambio ó fin que troca significativa e cuantitativamente a situación inicial, que todos sabemos o delicada e compricada que era. E esa mellora vaise consolidando e, o máis importante, vigorizando cada día un chisquiño máis. Os orzamentos do Estado para o vindeiro ano, como xa tiven a oportunidade de dicir durante o debate que sobre este asunto mantivemos esta mesma semana no pleno da Cámara Alta, son os do recoñecemento ó esforzo desenvolvido pola sociedade española no seu conxunto durante estes últimos anos, cheos de sacrificios e dificultades. Garanten a estabilidade, a continuidade do noso Estado de Benestar; son realistas porque fanse previsións avaladas por datos e feitos e non por elucubracións, desexos ou interese electoral, e, un aspecto fundamental, constatan a recuperación da confianza, interna e externa, no noso país. A confianza é fundamental en todos os ámbitos da vida pero obrigada e un pilar central e imprescindible cando se trata de economía. Se non hai confianza, todo falta. Ben o sabemos. Esta é a situación. Recoñezo e comprendo que se bote en falla máis inversións directas, por exemplo; un incremento moito máis sustancial das partidas adicadas a determinados servizos públicos… todos os matices e peros que se poidan facer; ó fin, os orzamentos, como calquera outra medida ou actuación política, son susceptibles de valoración e opinión. Pero poñámonos en situación, teñamos moi presente o contexto e sobre todo admitamos que estes orzamentos, xa non tan restrictivos como os anteriores, garanten, como os precedentes, o noso Estado de Benestar, a prestación e calidade dos servizos públicos básicos. Afiancemos posicións e continuemos avanzando.

No hay comentarios: