miércoles, 23 de septiembre de 2015

Un futuro sostible para o rural

Galicia non podería entenderse sen os seus campos verdes e sen os seus gandeiros. O lácteo é un sector estratéxico na nosa comunidade, sen eles, sen os produtores, o rural galego deixaría de ter sentido. Por iso, todos debemos sumar esforzos para conseguir superar esta crise de prezos. Estamos convencidos de que o sector lácteo galego ten futuro, un futuro que pasa porque todos os actores implicados poñan en valor a cadea de produción do leite. Por iso, tanto o Goberno Central coma o da Xunta apoian aos gandeiros, para conseguir que se adopten todas as decisións posibles dentro do marco legal vixente na Unión Europea. O acordo co Ministerio de Agricultura é histórico porque implica a produtores, industria e distribución, por iso non pode ser desaproveitado. Obriga a concretar a orixe do leite, impón un contrato tipo que facilitará a transparencia e garante que as distribuidoras non poidan seguir utilizando o leite como reclamo. Galicia pon no mercado o 40% de todo o leite español. Todos (Goberno e cidadáns) somos conscientes da importancia dos nosos gandeiros no tecido produtivo; por iso, cremos que é imprescindible sentar as bases dun futuro sostible e, para conseguilo, é fundamental acadar unha boa vertebración do sector e gañar en dimensión, para ter mellor presenza nos mercados, xerando maior valor engadido. Agora é o momento de camiñar xuntos, deixar de lado intereses partidistas e sumarse ao acordo do Ministerio (que sen lugar a dúbidas ten máis vantaxes que desvantaxes) para conseguir un sector produtor forte e viable economicamente. Cantas máis vontades se sumen más eficaces serán as medidas impulsadas polo Goberno. Temos que continuar traballando para garantir que as relacións comerciais sexan estables e os acordos se manteñan a longo prazo. O obxectivo común é asegurar a supervivencia do sector gandeiro, tanto os produtores de leite coma os de carne, imprescindibles nunha comunidade coma a nosa, cun peso tan importante do sector primario na economía. Pero tamén, imprescindibles dende o punto de vista social, xa que forman parte da nosa cultura e evitan o despoboamento das zonas rurais.

No hay comentarios: