martes, 16 de febrero de 2016

É o momento de pensar en España

Non hai dúbida de que estamos ante un escenario inédito na historia da democracia española e é a nosa responsabilidade, dos partidos políticos, saber aproveitalo e, sobre todo, ser capaces de entender a mensaxe que nos trasladaron os cidadáns. Os partidos moderados temos que entendernos e traballar xuntos para levar a cabo as grandes reformas que España precisa. É prioritario que se constitúa un goberno na maior brevidade posible, esta mesma semana os mercados experimentaron importantes caídas. Non podemos permitir que España volva a ser un interrogante. É moi importante para a recuperación e o emprego que as cousas se fagan con sentido. Necesitamos un Goberno que dea estabilidade e que non poña en risco a recuperación que tanto nos custou conseguir a todos. Se aínda non se formou Goberno é porque o PSOE non aceptou a proposta de Mariano Rajoy de facer un Goberno estable PP-PSOE-Ciudadanos e prefire pactar cos independentistas e Pablo Iglesias. O noso Presidente Rajoy deu un paso máis propoñendo cinco grandes pactos de Estado. Pactos pola sensatez e a estabilidade que permitirían consolidar a recuperación económica; alcanzar acordos para afianzar os piares do Estado de Benestar; garantir a unidade de España e traballar na reforma fiscal e o financiamento autonómico. Pedro Sánchez debe mirar cara o seu arredor, a Europa e ás propias institucións comunitarias. Neste momento hai trece Gobernos europeos de coalición entre a dereita e a esquerda e sempre goberna, porque iso é o democrático, o máis votado. En España o único lexitimado para liderar ese Goberno é Mariano Rajoy, que obtivo o 20-D máis de 7 millóns de votos e 33 deputados máis que a segunda forza, o PSOE. Nesta nova etapa toca tamén facer as cousas doutra maneira en materia de corrupción. Os cidadáns e os que facemos política desde a honradez estamos fartos. Durante anos toleráronse comportamentos indignos e absolutamente inasumibles, pero esta etapa rematou. No meu partido, o Partido Popular, somos moitos, militantes e dirixentes, os que queremos abrir unha nova etapa na que non ten cabida a corrupción. Toca traballar ao servizo das persoas e buscar consensos. Toca actuar con responsabilidade e sensatez e isto é xusto o que estamos facendo no Partido Popular todos os que entendemos que ser político é estar ao servizo da xente e non ao servizo dos propios intereses persoais.

No hay comentarios: