martes, 2 de febrero de 2016

Seguir camiñando en positivo

No medio dos disparates políticos que temos que escoitar día tras día, esta semana coñecemos un dato moi positivo para moitos españois. A EPA certifica que 2015 foi un ano clave na recuperación do emprego, produciuse o maior descenso do paro de toda a serie histórica, con 678.200 persoas menos buscando traballo. Paralelamente, o INE confirma que o PIB medrou o ano pasado o 3,2%, experimentando así a maior suba desde o inicio da crise. Estes bos datos non son froito nin do azar, nin dos ventos favorables, como din outros, porque eses mesmos ventos sopran noutros países gobernados por populistas de extrema esquerda, coma en Grecia, onde o Goberno de Syriza recortará as pensións un 30%. Para reverter a ruína económica do Goberno socialista, era necesario estabilizar a economía e acometer reformas e iso é xusto o que fixo o Goberno de Rajoy. Esas mesmas reformas, que están permitindo impulsar o crecemento, son as que quere derrogar o PSOE da man de Podemos, o seu novo socio. Non é o momento para gobernos radicais que pretenden poñer en perigo a estabilidade económica e a unidade de España. Toca seguir adiante, para que todo o conseguido non se poña en risco. O que precisamos é un Goberno froito do consenso dos partidos que abandeiran a moderación, que teñen posicións comúns fronte aos problemas dos españois e defenden a Constitución. No PP entendemos a mensaxe lanzada polas urnas, é o momento do diálogo e o entendemento. Mariano Rajoy e Albert Rivera xa iniciaron conversas e o noso Presidente tendeu a man a Pedro Sánchez para acadar un acordo. Hai que fuxir de radicalismos. Sánchez debe posicionarse na vía construtiva, tal e como xa lle pediron históricos dirixentes do seu partido, entre eles Felipe González. Non vale gobernar a calquera prezo, Sr. Sánchez. Na súa negativa a dialogar con Rajoy está obviando aos máis de 7 millóns de electores que apostaron polo PP como partido maioritario. Non é o momento dos personalismos, nin de propostas humillantes; é o momento da sensatez. O PSOE non pode traizoar os seus principios, debe estar nunha gran coalición que permita seguir creando emprego e benestar para todos os españois.

No hay comentarios: