lunes, 3 de octubre de 2016

Gañou a responsabilidade e a política do “Si”

Non quero deixar pasar a oportunidade de darvos as grazas, tamén a través desta columna, a todos os que o pasado domingo decidistes apoiar ao meu partido. Grazas por confiar no proxecto político do Partido Popular e Alberto Núñez Feijóo; grazas por facer que Galicia sexa hoxe un gran mapa azul; grazas por un apoio extraordinario. Feijóo conseguiu ser a excepción en medio dun contexto político fraccionado, no que as maiorías absolutas tenden a desaparecer dos parlamentos. Máis de 660.000 mil galegos expresáronlle o seu apoio nas urnas facendo que superara incluso o seu propio teito electoral; e Lugo non foi allea a este apoio: o PP obtivo aquí o mellor resultado das sete grandes cidades e a nivel provincial incluso superamos en cinco puntos a media autonómica. Eran todos contra Feijóo, pero os galegos tiveron en conta o seu bo labor durante estas dúas lexislaturas de crise á fronte da Xunta. Recoñeceron a súa política social e a súa xestión eficaz, de feito fomos a única autonomía que cumpriu cos obxectivos de déficit do Estado. Os galegos demostraron nas urnas que queren un goberno sólido e solvente que siga ocupándose dos seus problemas. Premiaron a sensatez e a constancia fronte á improvisación. Dixeron “si” a un goberno serio e fuxiron dos experimentos e das promesas dos que día tras día perpetúan o bloqueo en España. Destacouno Alberto Núñez Feijóo nada máis coñecerse a vitoria: “Galicia seguirá sendo o compromiso do Partido Popular”. O noso proxecto é o proxecto da maioría: construír día a día unha Galicia mellor e isto é posible porque Galicia poderá seguir avanzando, sen vetos nin liñas vermellas. Un goberno non é só cuestión de aritmética, un goberno é o respecto á vontade dos electores. Os resultados galegos deberían traspasar as fronteiras da nosa comunidade, os líderes políticos deberían permitir que tamén en España, o que gañe, goberne. Deberían contribuír activamente a desfacer o nó que nos colgaron ao pescozo e abrir a porta á responsabilidade e ás políticas do “si”.

No hay comentarios: