lunes, 28 de noviembre de 2016

Lembranza a unha amiga

Gustaríame non ter que facelo, pero hoxe quero que estas liñas sirvan de lembranza a unha amiga. Esta semana tivemos que despedirnos da nosa compañeira Rita Barberá; para min era máis ca iso, era unha amiga, unha gran persoa e unha política decente. Ao seu funeral non fomos políticos, fomos amigos; non foi unha representación protocolaria, senón a despedida dunha amiga á que aprecias. Rita conquistou cinco maiorías absolutas e foi alcaldesa durante 24 anos. Cambiou unha cidade por completo, reinventou Valencia, de aí as mostras de afecto póstumas que lle trasladaron miles e miles de valencianos. Non sei se o seu infarto foi consecuencia directa da presión á que estaba sendo sometida, pero si sei que estes últimos meses Rita Barberá sufriu moito. Como amigo e como político espero que a súa morte nos sirva para reflexionar; non é momento de repartir culpas, pero si de facer unha reflexión social e individual. Na miña opinión, partidos e medios de comunicación debemos pensar cáles son os límites e o acertado de establecer veredictos de culpabilidade anticipados. Rita Barberá morreu sen nin sequera recibir un suplicatorio de procesamento, inmersa nun proceso xudicial e vítima do acoso mediático. A crítica e a labor de información dos medios son imprescindibles en democracia, pero debemos analizar se algúns formatos, sobre todo televisivos, non están transformando a información en circo e desinformando ao aportar unha visión sesgada e tremendista. Morbo non é xornalismo. A protección da honra e a presunción de inocencia son dereitos dos que ninguén pode ser privado, porque son a base do noso sistema de liberdades. Debemos de facer exame, todos, sobre a conveniencia de facer xuízos apriorísticos e precipitados, de xulgar antes de que o fagan os tribunais. A opinión publicada condenou a Rita Barberá sen sentencia e a opinión pública deixouse levar. Os políticos debemos ter un comportamento exemplar, pero tamén dereito á presunción de inocencia. Agora só espero que estes últimos meses non tapen a boa reputación dunha gran muller e unha gran política, cos seus acertos e os seus erros, coma todos.

No hay comentarios: