martes, 27 de diciembre de 2016

Por un 2017 libre de violencia de xénero

Quero adicar este último artigo do ano ás mulleres que sofren ou sufriron violencia machista e a todas as familias das vítimas. A violencia de xénero é unha das principais lacras da nosa sociedade e todos debemos traballar unidos en 2017 para conseguir acabar con ela. Non hai xustificación posible. Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, no que levamos de ano 44 mulleres faleceron por esta causa. É unha cifra escalofriante e, sobre todo, insostible. Lévase traballado moito, pero queda moito aínda por facer. Todos, homes e mulleres, temos que ser conscientes de que o maltrato non surxe dun día para outro. A prevalencia de estereotipos e comportamentos machistas impiden erradicar este grave problema que nos repugna a todos. O desprezo, a humillación, o control, o aillamento, os celos, os insultos e as ameazas son tamén violencia que, desgraciadamente, moitas veces remata da peor das formas posibles. Por iso é fundamental estar alerta e actuar. As mulleres que sofren esta lacra non están soas, a sociedade e as institucións apóianas, apoiámolas. A pesar de que este grave problema social é cada vez máis visible, falta aínda moita sensibilización. O Ministerio de Sanidade aposta nas súas últimas campañas pola concienciación dos adolescentes, para reverter comportamentos machistas aínda moi arraigados e evitar que os asasinatos a mulleres se perpetúen no futuro. Hai pouco máis dun mes o Congreso aprobou unha proposición non de Lei para alcanzar un Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Ademais, a Ministra de Sanidade, Dolors Monserrat, comprometeuse a traballar para recoñecer a orfandade completa aos fillos das vítimas con carácter retroactivo, para que poida alcanzar tamén aos menores que perderon a su nai antes de 2015. Temos que esforzarnos e implicarnos todos, desde as institucións e a nivel particular, para conseguir acorralar aos maltratadores e acadar ese obxectivo ao que nunca renunciaremos: que non haxa nin unha soa muller máis vítima da violencia de xénero.

No hay comentarios: