martes, 21 de marzo de 2017

Podemos e a misa dos domingos

Estes últimos días a misa dos domingos de TVE 2 converteuse, sen querelo, en tema de debate social. E todo pola idea, máis que disparatada, de Podemos de eliminar a súa retransmisión semanal. A formación liderada por Pablo Iglesias presentou no Congreso unha Proposición non de Lei na que solicita que a televisión pública deixe de emitir misas dentro da súa programación habitual. Non é nada novo, é un paso máis na súa ofensiva contra a Igrexa. Aquí en Galicia, as Mareas xa iniciaron os ataques hai meses ao optar por non participar na Ofrenda ao Antigo Reino de Galicia e cuestionar, por exemplo, os actos de celebración da ofrenda ao Apóstolo. É un afán inexplicable por romper coas tradicións, un claro reflexo da súa forma de facer política. Na miña opinión, a retransmisión da misa está xustificada; é unha manifestación do servizo público de TVE. Para entendelo simplemente hai que pensar en todas aquelas persoas católicas que, por un ou outro motivo, non poden desprazarse á Igrexa e deciden escoitar a eucaristía por televisión. Neste debate a demagoxia tampouco é boa, non poden defenderse as liberdades nuns ámbitos e esquecerse delas noutros. España é, por definición constitucional, un estado aconfesional no que conviven de forma armoniosa varias relixións, e eu estou orgulloso disto. Ninguén ten que sentirse ferido pola retransmisión semanal da misa; máis se temos en conta, por un lado, que a televisión pública dedica espazo a outras confesións como son a musulmá, a xudía e a evanxélica e, por outro, que case o 70% da poboación española se declara católica. Coa polémica sobre a mesa, a resposta social non se fixo esperar e a semana pasada a emisión de TVE 2 do domingo batía o seu récord histórico, liderando a súa faixa de emisión e triplicando a súa audiencia ata o 18,6% de share. Parece evidente que este non é un debate real, senón creado por unha formación política concreta para desviar a atención dos temas que verdadeiramente importan e facer alarde do seu interese rupturista. É bo contar coa misa. É unha tradición histórica con suficiente arraigo e respaldo social como para seguir mantendo a súa emisión semanal.

No hay comentarios: