lunes, 3 de abril de 2017

Os presupostos do diálogo

O Congreso recibirá mañá os Presupostos Xerais do Estado (PXE) que o Consello de Ministros aprobou o venres. O Goberno alcanzou un importante acordo con Ciudadanos e continúa traballando para conseguir que outras forzas políticas se sumen. Aínda hai tempo para os pactos. O Executivo de Mariano Rajoy mostrou reiteradamente a súa disposición ao diálogo, pero ese diálogo ten que ser recíproco e hai outros que se manteñen no “non é non”. Sería importante que deixaran de lado os seus intereses partidistas e apostaran polo benestar de todos os españois. Desde aquí pido, unha vez máis, colaboración a todos aqueles partidos políticos sensatos; pídolles que actúen con sentido común e con visión de futuro. Os de 2017 son uns orzamentos especialmente importantes para España e poden ser tamén un bo exemplo do diálogo e o talante negociador que, sen dúbida, ten que marcar esta etapa. España precisa aprobar os PXE para manter a fórmula do crecemento e consolidar a recuperación económica. O Executivo fixo os deberes, cumpriu co cometido que lle asignaron nas urnas os españois. Agora só falta que a oposición actúe con seriedade e sensatez e permita que as contas públicas salgan adiante. Ademais, a aprobación dos presupostos contribuirá a reforzar a imaxe de estabilidade do noso país en Europa. Unha imaxe que xa se viu mellorada polo dato que acabamos de coñecer e que ratifica o compromiso do Goberno do PP que, co esforzo de todos os españois, conseguiu que o déficit das Administracións Públicas se reducira ata o 4,3% do PIB no 2016, cumprindo, polo tanto, o obxectivo fixado. Está claro que a responsabilidade de aprobar os PXE non é só do Goberno, senón de todas as forzas políticas. As que decidan enrocarse en posicións partidistas e poñer trabas terán que explicar ao conxunto da sociedade porqué o fan. Eu agardo que impere a cordura e o sentido do benestar colectivo para que España poida ter, antes do verán, uns presupostos que deixen atrás as incertezas e permitan seguir avanzando. Desde logo, o Goberno e o PP continuarán facendo todo o posible para que isto sexa así.

No hay comentarios: