martes, 1 de agosto de 2017

EPA histórica

Hoxe podo comezar este artigo dicindo que me sinto orgulloso de todos os españois e do noso Goberno. Ademais, esperanzado porque os últimos datos da EPA transmiten optimismo e esperanza. Optimismo por todos aqueles que abandonaron as listas do paro e esperanza polos que aínda non conseguiron un emprego, pero estou seguro que nos próximos meses poderán telo e mellorar a súa calidade de vida. No segundo trimestre de 2017 o paro baixou en 340.700 persoas, o que supón unha marca histórica. Por primeira vez desde o ano 2008 o paro baixou dos catro millóns, o que confirma que as medidas adoptadas estes anos polo Goberno de Mariano Rajoy eran as adecuadas para recuperar o emprego perdido durante a crise e que os esforzos de todos os españois mereceron a pena. Estas reformas son as mesmas que PSOE e Podemos insisten en derrogar día tras día; as súas posicións partidistas non lles permiten ver a realidade: os datos son obxectivos e amosan que as políticas do PP foron as axeitadas para impulsar a creación de emprego. Desde aquí invítoos a deixar de lado a demagoxia e camiñar xunto ao Partido Popular para seguir mellorando o benestar das persoas. O dinamismo da economía española é indiscutible e non hai dúbida de que o emprego chegou para quedarse. Desde o PP, coa axuda da oposición ou sen ela, seguiremos traballando para que todas as persoas teñan un emprego porque, como dixo a ministra Fátima Báñez, “non hai nada máis social que o emprego”. Síntome tamén satisfeito de poder dicir que tanto Galicia, como a miña provincia, Lugo, se unen a esta senda de creación de emprego. Hoxe, máis ca onte, estamos en disposición de dicir que o obxectivo fixado por Mariano Rajoy de conseguir 20 millóns de empregados en 2020 é real e está cada vez máis preto. Cando chegamos ao Goberno a situación era crítica e conseguimos, coa axuda dos españois, darlle un xiro de 180 graos. A aprobación do Teito de Gasto para 2018, unido á aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para o 2017, garanten as políticas de crecemento económico e a creación de emprego. Manteremos o rumbo marcado e traballaremos duro para conseguir eses 20 millóns de empregados.

No hay comentarios: