martes, 12 de septiembre de 2017

Golpe á democracia

Estes últimos días os independentistas extremistas cataláns, no seu intento de liquidar as institucións, obrigáronnos a asistir a un espectáculo vergoñento programado en varias funcións. O acontecido é un golpe á democracia, un atentado ao Estado de Dereito e un ataque ao sistema. Hai dirixentes que, desde o principio, optaron por rexeitar o diálogo e situarse á marxe da lei. A Presidenta do Parlament de Cataluña e a propia Generalitat, as primeiras obrigadas a acatar a lexislación, son as que cruzaron a liña vermella e o Goberno, como non podía ser doutra forma, tivo que actuar para garantir a unidade de España. Reitero as palabras do noso Presidente, Mariano Rajoy, quen asegurou publicamente que esta consulta “chapuceira e ilegal” non se vai celebrar. España non vai renunciar a ser un Estado de Dereito; temos mecanismos de sobra para defendernos dos inimigos da convivencia. Os independentistas non poden menosprezar a forza dos corenta anos de democracia española. Rajoy seguirá actuando con responsabilidade, a responsabilidade política que os cidadáns lle outorgaron democraticamente nas urnas. As súas actuacións son a garantía da unidade do noso país e da convivencia; por iso, pídolles a todos os partidos constitucionalistas que manteñan o seu apoio sen fisuras ao Goberno, porque se trata simplemente de cumprir coa Carta Magna. O Tribunal Constitucional suspendeu a lei do referendo e advertiu aos alcaldes cataláns e aos cargos da Generalitat de que non colaboren co 1-O. Se o Parlamento e o Goberno catalán desoen ao TC e deciden continuar coas súas ansias independentistas, en calquera que sexa a súa manifestación, o Executivo actuará, igual que o fixo ata agora, con mesura e contundencia. Que ninguén se esqueza de que sen lei non hai democracia. Agora mesmo son moitos os funcionarios e cidadáns de Cataluña que se encontran chantaxeados; aproveito para lembrarlles que ninguén pode obrigar a ninguén a facer nada ilegal, porque a lei protéxeos. O Parlamento catalán foi un exemplo claro de insumisión e rebeldía. É a soberanía nacional a que está en entredito, así como a nosa democracia e os nosos valores. Desde aquí pídolles aos que non queiran seguir as regras do xogo que abandonen o taboleiro.  

No hay comentarios: