lunes, 9 de octubre de 2017

As consecuencias da insensatez

Este domingo todos os demócratas tivemos a oportunidade de saír á rúa para defender a unidade de España. Unha semana despois do 1-O xa puidemos comprobar as primeiras consecuencias da insensatez de Puigdemont e de todo o Goberno da Generalitat. Non hai ningunha xustificación para una declaración de independencia e é que, ademais, non se vai producir. O Goberno, co Presidente Mariano Rajoy á fronte, seguirá velando para que se cumpra a Lei e se respecten a Constitución, os dereitos e as liberdades de todos os españois. O Goberno non vai negociar ningunha ilegalidade, non vai aceptar ningunha chantaxe. A negociación en democracia só ten un camiño, o camiño da Lei. Díxoo o Rei e reiterouno Mariano Rajoy. O noso presidente é consciente do que está en xogo e da preocupación de toda a sociedade española, e estou seguro de que fará o que sexa conveniente en cada momento, como xa fixo estes anos atrás cando España atravesaba a peor crise económica. Agora o importante é actuar con prudencia e tranquilidade, pero con firmeza. Non se pode dialogar con aqueles que se manteñen fóra da Lei e que queren, a toda costa, romper España. Todo o mundo está pedindo unha rectificación ao presidente da Generalitat, pero Puigdemont empéñase en facer oídos xordos ao clamor popular e decidiu obviar as nefastas consecuencias que xa está provocando a súa deriva independentista. A biofarmacéutica Oryzon foi a primeira en abandonar Cataluña e seguiron o seu exemplo Banco Sabadell, CaixaBank, Gas Natural e Eurona, entre outras moitas, sen contar as que o están estudando. Fano para protexer os seus negocios e aos seus clientes, e os mercados xa premiaron a súa decisión con fortes subidas en bolsa. O Goberno acaba de aprobar un decreto para facilitar o cambio de domicilio social das compañías e evitar males maiores para a economía. A cada chamada á sensatez, Puigdemont responde cun desplante. Pedímoslle que poña fin máis pronto que tarde a este sen sentido, que volva á senda da legalidade e que asuma que cada vez conta con menos apoio social. Canto máis dure esta deriva radical máis profunda será a brecha que provocará na sociedade catalá e na española.

No hay comentarios: