viernes, 11 de mayo de 2018

Dignidade, memoria e xustiza

Non podo facelo doutra forma, hoxe a primeira liña deste artigo é para elas, para as vítimas e as súas familias; para todas e cada unha das vítimas da ETA. Merecen o meu apoio e o de toda a sociedade e quero que estas primeiras liñas sirvan de homenaxe a todas elas. ETA acaba de anunciar, previo ruído mediático, a súa disolución. Pero que non queiran enganarnos, non é unha disolución voluntaria, a banda terrorista viuse obrigada a desaparecer. Non lles quedou máis remedio que facelo porque se viron acurralados polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a acción da xustiza e o clamor unánime dos demócratas. Foi a democracia a que venceu ao terror. Díxoo o noso Presidente, Mariano Rajoy, e os etarras deben telo claro: non haberá contrapartidas; non haberá impunidade. Os crimes da ETA seguiranse investigando e as condenas seguiranse cumprindo. A única política antiterrorista de futuro será aplicar a lei. Non podemos esquecer as ameazas, as extorsións, os tiros na caluga, as bombas en centros comerciais, en casas cuartel, nos coches, na rúa… sen importarlles a quen levaban por diante. Os asasinos sempre foron indiferentes ao sufrimento causado, é máis, o seu obxectivo era xerar o maior terror posible. Planeaban minuciosamente atentados que pretendían ser o máis sanguentos posibles. ETA desaparece pero non a lembranza ás vítimas nin o dano causado. Deberían ter pedido perdón e non o fixeron. Quedan más de 300 crimes pendentes de esclarecer e deberían colaborar para facelo, para que os responsables se senten ante a xustiza. ETA ten ás súas costas 50 anos de actividade terrorista nos que levaron moitas vidas por diante, nos que romperon moitas familias pero, afortunadamente, non conseguiron ningún dos seus obxectivos políticos. A unión social e o Estado de Dereito conseguiron dobregar aos asasinos. Foron 50 anos de actividade terrorista, de asasinatos inxustos e crueis. Ningún deles ten xustificación posible. Remato igual que comecei, lembrando a todas e cada unha das vítimas e ás súas familias. Elas son las únicas que merecen o noso recordo e homenaxe.

No hay comentarios: