viernes, 6 de julio de 2018

Eliximos ao próximo presidente de España

Os membros do Partido Popular de Lugo xa tivemos a oportunidade de escoitar a tres dos 6 precandidatos ao Congreso que celebraremos os próximos días 20 e 21. Aínda que moitos se empeñen en dicilo o PP non está en crise, non está roto, non estamos a punto de afundirnos, senón inmersos nun proceso democrático de renovación do noso líder. Eliximos ao substituto de Mariano Rajoy pero, estou convencido, de que tamén eliximos ao que será o próximo presidente de España. Os 6 precandidatos teñen experiencia e capacidade acreditada e todos están comprometidos co partido e cos intereses dos españois. Sexa cal sexa o que resulte elixido farao sabendo que, unha vez rematado o Congreso, contará co apoio unánime de todos os membros do Partido Popular. Ás candidaturas non as separan cuestións de fondo, senón matices. Non sei se haberá ou non unha lista única de integración pero é algo que nin a min nin ao partido nos preocupa, tan só a aqueles que intentan, a toda costa, debilitar ao PP por medo a volver a enfrontarse a el nas urnas. Non estamos ante un debate de ideas, porque isto xa o fixemos no anterior Congreso, estamos decidindo democraticamente quen será a persoa que asuma as rendas do principal partido de España. As regras de xogo están claras, son as fixadas no Estatutos do PP e no Regulamento do XIX Congreso. O futuro presidente do PP elíxese a través dun sistema mixto no que primeiro os afiliados votan aos precandidatos e aos compromisarios que logo, en última instancia, elixirán entre os dous candidatos ao presidente do PP. Que ninguén dubide da lexitimidade do proceso, sustentado no voto de máis de 66.000 afiliados. O proceso que estamos levando a cabo caracterízase pola transparencia, a democracia e a igualdade entre candidatos. É un proceso novo no noso partido, de aí que existan detalles que haxa que ir axustando. Outras forzas políticas empéñanse, cada día, en afear o noso sistema de elección. Buscan a máis mínima posibilidade para desgastar ao Partido Popular, desde dentro e desde fóra, pero eu estou seguro que deste Congreso sairemos aínda máis fortalecidos. Recoméndolles a todos aqueles que só se preocupan pola situación interna do PP que deixen de facelo e que se centren nos seus propios conflitos internos e, o máis importante, resolvan os problemas dos españois e non xeren preocupacións novas cada día.

No hay comentarios: