lunes, 10 de septiembre de 2018

Sen proxecto para España

Comezamos o curso político con enerxía e cheos de proxectos pero tamén vixiantes ante a labor errática que está realizando o Goberno do PSOE. Esta semana o Senado retoma o calendario de sesións plenarias e desde o Grupo Popular aproveitaremos a presencia de Pedro Sánchez na Sesión de Control para esixirlle que clarifique a súa posición nalgúns dos temas que son prioritarios para os españois. Preocúpanos que Sánchez ofrecera a Torra un referendo de autogoberno que suporía unha ruptura da legalidade e da igualdade dos españois. Por iso reclamaremos a Sánchez que explique de forma clara o que isto significa e se é ou non unha das peaxes que ten que pagar aos seus socios da moción de censura. Desde o Partido Popular pensamos que o prioritario é manter a legalidade, recuperar a concordia e evitar que aumente a fractura social. Se os independentistas seguen na ilegalidade, o PP ofrece ao Goberno a súa maioría no Senado para aplicar o artigo 155 da Constitución. Preocúpanos tamén os bandazos de Sánchez en materias tan importantes coma a inmigración, a xustiza, ou os impostos. Quedounos claro a todos que non ten un verdadeiro proxecto para España, un día fai unha cousa e ao día seguinte a contraria, só acerta cando rectifica e segue os consellos que desde a oposición lle ofrece o Partido Popular. Agosto pechou cunha cifra pésima para o emprego, perdéronse 203.000 postos de traballo, foi o peor agosto nunha década e o último día do mes bateu o dramático récord de ser o día que máis emprego se destruíu na historia do noso país. Dóenos observar como o Partido Socialista, coas súas políticas económicas equivocadas, dilapida a herdanza deixada polo goberno de Mariano Rajoy. Mañá martes, preguntarei no Senado ao Goberno que medidas pensa tomar ante los primeiros indicios de desaceleración da nosa economía e para evitar a sangría no emprego. Éramos referente europeo en materia económica e desde a oposición faremos todo canto estea ao noso alcance para que o PSOE non leve de novo a España á quebra.

No hay comentarios: