miércoles, 5 de diciembre de 2018

A muralla de Lugo, a miña muralla

Hoxe quero aproveitar este espazo para felicitar á muralla de Lugo, que cumpre a súa maioría de idade sendo monumento Patrimonio da Humanidade da Unesco. Síntome orgulloso da miña cidade e sobre todo da muralla, a miña muralla, porque como lucense síntoa parte da miña vida. Desde pequeno gozo camiñando sobre os seus muros e aínda hoxe é un deses praceres que me permito sempre que podo. É a mellor embaixadora da nosa cidade, o primeiro que ensinamos cando traemos de visita a algún amigo e non nos cansamos de presumir alá onde imos da única muralla romana que se conserva enteira. É a nosa mellor carta de presentación, da conta do noso espléndido pasado romano e identifícanos como pobo. Todos éramos conscientes da importancia do noso monumento pero é certo que a declaración da Unesco lle outorgou un plus de protección que axuda a mantela en moi bo estado. A súa conservación é tarefa de todos, das autoridades e dos veciños. Foi un muro de protección en épocas pasadas e agora, ademais do noso orgullo, é un dos máis importantes focos de atracción turística, dinamizadora da nosa economía. Ademais da muralla a nosa provincia ten innumerables atractivos, entre eles o camiño francés, que atravesa as nosas terras e conduce cada ano a milleiros de peregrinos á súa meta compostelana. Este 2018 está tamén de celebración, cumpre 25 años, un cuarto de século como Patrimonio da Humanidade. Foi a primeira ruta á que a Unesco concedeu este galardón. Sen dúbida a súa beleza e a súa profunda significación histórica e relixiosa fixérona merecedora deste distintivo. É un orgullo para todos que a nosa provincia conseguira aglutinar estas dúas distincións que sen dúbida abriron o paso á catedral, que recentemente recibiu o mesmo recoñecemento. Unha mostra máis de que a Lugo non lle faltan atractivos para que veciños e visitantes gocemos do seu patrimonio e a súa riqueza.

No hay comentarios: