miércoles, 4 de junio de 2008

O mundo ó revés

O sector pesqueiro está a pasalo mal. Os portos galegos ofrecen unha imaxe inusitada cos barcos amarrados e sen intención de facerse á mar. Os armadores, os pescadores, tamén as mariscadoras… Todos se suman a unha reivindicación e a unha protesta sen precedentes porque tampouco hai precedentes de que vivir do mar resultara, como agora, unha misión non xa difícil, que o é, senón imposible.

Antes dos pescadores, a foto-protesta protagonizárona os agricultores e gandeiros, cansos de que as fabas contadas que arrancaban co seu traballo foran menguando ata límites inasumibles.

A finais de semana, de cumprirse o anuncio, a movilización, que xa vai camiño de ser xeneralizada, virá da man dos transportitas que, para que non colla a ninguén desprevenido, recomendan facer acopio de viandas por si resulta que a cousa se alonga e os mercados quedan desabastecidos.

E neste contexto, o tempo parece que nos vai a dar un respiro e comportarase como debe, acorde coa estación, aínda que tampouco esto está totalmente garantido.

Neste mundo ó revés, no que os sectores productivos básicos están de brazos caídos porque xa non é que estén fartos senón que non poiden aguantar máis e os responsables políticos con capacidade para cambiar as cousas ou de intentalo, cando menos, bracean con desmesurada intensidade para tentar espantar os millóns de dedos que os instan a asumir a súas responsabilidades, ata resulta lóxico que o clima ande revolto. Pero a lóxica, hai que recoñecelo, non é aplicable nesta situación xeral, que non require sequera facer unha valoración pesimista para concluir que verdadeiramente é caótica.

¿As solucións? Pode que sexa difícil atopalas. Non nego a complexidade, pero tentar disfrazalas ou disimulalas entre mensaxes falsamente optimistas non é, sen dúbida, a mellor opción, nin sequera a menos mala.

No hay comentarios: