lunes, 17 de noviembre de 2008

A viaxe do non rotundo ó si camuflado

A política municipal centrou estes últimos días o interese dos lucenses. Non era para menos. A treta empregada polo alcalde para aprobar as contas do vindeiro ano sen contar con ninguén e esquecendo con premeditación a determinante evidencia de que encabeza un goberno en minoría, así como o inicial e contundente non do voceiro do Bloque a ese orzamento que se convertiu nun si mal disimulado coa súa abstención na moción de confianza, merecían unha atención extrema.

Aínda que o Sr. Orozco nos ten acostumados a xiros bruscos na súa peculiar maneira de entender a política municipal. Nesta ocasión superouse a si mesmo. Primeiro dicía que estaba disposto a negociar un dos documentos máis importantes e determinantes da vida municipal, pero só o dicía coa boca pequena porque en ningún intre fixo un movemento que refrendara esas palabras.

Consciente quizais de que os números que presentaba facían augas por moitos flancos, tanto na forma coma no fondo, e que desta volta non había en xogo a concesión dun plan Urban, e convertido en feito o anunciado non do BNG e o PP a uns números que non están acordes coas circunstacias, tocaba cambio de estratexia. Unha moción de confianza vinculada ós orzamentos, argumentada sobre a dificultade de gobernar durante un ano cuns presupostos prorrogados.

Obvia o rexidor lucense que a dificultade non ven dada pola prorroga senón polos resultados que acadou nas eleccións municipais nas que os seus veciños menguaronlle significativamente o seu grado de confianza. Esquece tamén no seu proceder unha cuestión evidente e lóxica: cando se carece do respaldo maioritario, a única vía é a negociación.

Pero se os malabarismos do Sr. Orozco son sorprendentes, á mesma altura se atopa o voceiro do BNG Xosé Anxo Laxe. O seu non os orzamentos, o seu anunciado non á moción de confianza, sobre os que sempre planeou a sombra do consorcio de servicios sociais e os papeis que ambos partidos se reparten en Santiago, acabou sendo unha abstención que posibilitou a aprobación dun presuposto que unha semana antes rexeitara con contundencia.

Abstención, eso si, matizanda porque nin as contas de Orozco nin o propio Orozco lle merecen confianza e o conflicto sobre o consorcio mantense fresco, pasando, segundo toque, de representar un papel protagonista ou de segundón nada discreto.

E a putilliña son esas alegacións ós números do equipo de goberno, que tanto Laxe como Orozco saben que non van a ningún lado porque non cabe reforma posible a un documento xa aprobado, aínda que fora pola porta traseira.

Cada un terá que aguantar a súa vela. O papel que lle toca defender ós representantes do BNG no Concello de Lugo despois da súa abstención na moción de confianza é difícil e plantexa a dúbida de quén e ónde se decide a súa dirección política. En calquera caso, cando un non é coherente ou perde a súa dignidade política, que non persoal, só cabe a adopción dunha decisión ó respecto.

No hay comentarios: