viernes, 10 de julio de 2009

Galego, a nosa lingua

A defensa do propio non conleva necesariamente, e non debe facelo, de feito, excluir o dos demais. Non se trata de caer, se me premiten a expresión, nunha visión minifundista que nos impida ver o bosque.

Dito esto, quixera facer, a raiz do rebumbio que hai ó redor do galego, unha somera reseña histórica por aquilo de que é importante saber de onde vimos para comprender onde estamos.

Os principios do galeguismo do Partido Popular, cos que eu me sinto completamente identificado, baseados na defensa da idiosincrasia societaria galega e influenciados pola ineludible tradición cultural, lingüística e do entorno, ten coma único fin a execución dun proceso encamiñado a facer do pobo galego o principal protagonista da historia de Galicia. Unha concepción que se concreta nun proxecto político que pretende acadar as cotas de autogoberno máis altas posibles.

Se os principios do noso galeguismo susténtanse sobre o pacifismo, a tolerancia, o liberalismo e a democracia, é lóxico que a nosa acción política sexa integradora, plural, diversificadora e solidaria. O centrismo do Partido Popular lévanos a entender o diálogo e a negociación como a única vía de entendemento posible.

O Partido Popular foi sempre contrario ás rupturas e defensor a ultranza da integración, que non só respeta a diferencia senón que a destaca. Lonxe por tanto do quebrantamento da unidade, a nosa posición encamíñase á defensa do propio pero evitando menospreciar outras opcións.

Ser galego non é incompatible con ser español ou europeo. Un plantexamento absurdo, dito sexa de paso, nun mundo cada vez máis globalizado. A defensa da identidade de Galicia debe principiar por dar a coñecer e poñer en valor os elementos diferenciadores e definitorios que nos fan únicos: a nosa lingua, a nosa cultura, o noso patrimonio, a nosa paisaxe… Pero defendelos (insistiuse moito nelo durante a pasada lexislatura do bigoberno PSOE-BNG) non significa impoñelos. Falar galego, insisto, non é incompatible con falar castelán, inglés ou calquer outro idioma.

Por todo o exposto, non é esaxerado concluir que o compromiso galeguista do que sempre fixo honra e gala o Partido Popular de Galicia é irrenunciable. Para min é, de feito, un elemento vital, un principio non só a manter, senón a potenciar.

Engado outra reseña histórica, que parecen que algúns están empeñados en obviar. As principais medidas normativas adoptadas na defensa e regulación do uso do galego (a Lei de normalización e o Plan xeral de normalización) foron auspiciadas por un goberno do Partido Popular presidido por Manuel Fraga e contaron, ademais, co consenso social e coa unanimidade parlamentaria.

O galeguismo e a defensa e promoción do uso do noso idioma son, como non podería ser de outro xeito, piares sobre os que se sustenta o ideario do Partido Popular de Galicia, e que ninguén albergue, insisto, ningunha dúbida sobre elo.

A reiterada e intencionada intoxicación que nas últimas semanas se está a facer sobre o tema son desproporcionadas e están fora de lugar. Rexeito frontalmente esa dicotomía avivada dende algúns ámbitos e sobre todo dende algúns sectores políticos que parecen obrigar a elexir entre o galego ou o castelán, redundando na idea de que a defensa de unha conleva inexcusablemente o rexeitamento da outra.

É éste un plantexamento con trampa. Totalmente alleo, ademais, ó sentimento maioritario da sociedade galega porque o bilingüismo cordial non é unha denominación de novo cruño senón só unha adxetivación da realidade.

Neste contexto penso que hai que redobrar os esforzos para transmitir axeitadamente á sociedade galega o que significa a armonía lingüística que, como xa dixemos, forma parte indisoluble da nosa identidade como galeguistas, e deixar así valeira de contido esa estratexia de polarización que algúns están a alientar. Neste senso, non teño dúbida de que o executivo galego actuará concienzudamente e non escatimará vontade e empeño en escoitar e sobre todo en acadar o maior grao de participación e de consenso sobre unha cuestión que é cousa de todos. A lingua é, ó fin, un dos factores determinantes para definir a identidade dun pobo e, por elo, a unanimidade debe presidir calquera decisión que se adopte a este respecto.

Feito o inciso, retomo a idea da trampa á que nos están a levar neste artificial conflicto do galego. Que alguén a estas alturas pretenda obrigarnos a proclamarnos cervantinos ou rosalianos vén a ser algo así como esa pregunta retórica, malintencionada ou tendenciosa que se lle fai ós cativos: a quen queres máis, a papá ou a mamá?

En fin, penso que todo este rifirrafe é desproporcionado e está fora de lugar e sobre todo de época. Avogo, así, por facer uso do sentido común e impoñer algo de sensatez. Son partidario de voltar a vista, por exemplo, hacia Ramón Piñeiro, defensor a ultranza do galego coma un compoñente cultural diferenciador e propio e sempre partidario de despoxalo de calquer bandeira política, precisamente pola súa dimensión global e aglutinadora que dá sentido ó ser e ó sentirse galego.

Penso que o posicionamento expresado pola Real Academia Galega na véspera da celebración do pasado Día das Letras constitúe un referente a ter en conta de cara á consecución do obxectivo que vimos comentando de acadar un acordo social integrador, a prol do uso, a dignidade e a continuidade do noso idioma.

En definitiva o noso esforzo debe estar encamiñado a lograr o fin último no que todos, independentemente de cal sexa a nosa ideoloxía política, coincidimos: a defensa da nosa lingua como sinal de identidade propio e intransferible.

3 comentarios:

minhoca dijo...

Non voto ao PP, e encantariame que a defensa do idioma de Galicia non tivese cor político. Eso pasa pola implicación directa do Partido Popular, con feitos reais, non mediante leis sobrepasadas pola realidade da perda de galego-falantes.

Resido en Vigo, teño dous fillos (10 e 6 anos), e no seu dia, despois de visitar 20 das 40 garderías da miña localidade, non atopei ningunha na que se relacionasen con eles en galego. Esto é un feito particular, como moitos outros que poidan existir en sentido contrario. Mais o global, a evolución da lingua, é a morte lenta dunha expresión cultural que merece todo o respeto e apoio.

En cuestións de xenero todos asumimos a conveniencia da "discriminación positiva". E coa expresión cultural da lingua, non merecemos tamén esa discriminación?

tropasdasd dijo...

Senhor Barreiro, a defensa da lingua non so se fai dende un blog, nín "de boquilla", a defensa da lingua faise en tódolos ambitos da vida, e como non, tamén na escola.
Onte unha companheira sua de partido (Beatriz Mato) decía nunha entrevista que son moitos os que non saben o que significa a palabra "nocello" e que hai mestres que non saben explicar en galego..., que polo tanto non se pode imponher un idioma.
E digo eu: ¡razóns de sobra para que se estude máis galego! porque todo o mundo sabe o que é a "rodilla", e tamén ¿que probas de capacitación se lle estan a facer aos mestres para que non saiban galego? ou ¿como é posible que moitos rapaces da cidade non saiban ter unha conversa en galego?, ainda por riba temos que aguantar que nos chamen "impositores", bendito sexa, a lingua que creou este povo estase a imponher!, manda chover na habana!.
Vostede fala da globalización, pois ahí están precisamente as causas de que cada vez haxa menos galego falantes, hoxe o mundo xira arredor de internet, dos móviles, das tv´s, da publicidade...etc. ¿en que idioma están? EN CASTELAN.
Ala vostedes e a sua responsabilidade ao fronte da Xunta, moitos somos os que estamos dispostos a defendela nosa lingua (e non precisamente dende un blog) e nas suas máns está pasar a historia como exterminadores dunha lingua ou non.

xervasio dijo...

Señor Barreiro:
Non son do Bloque, dígollo para que de entrada non me vaia cualificar mal. Tampouco lle son de ningún outro partido, nin de esquerdas nin de dereitas.
Dito isto paso a lle dicir que o partido Popular de Fraga non é o mesmo partido Popular de Núñez Feijoo. Cando menos no asunto da lingua. Fraga, á beira destes de hoxe, era do BNG.
En troques, este último está cheo de xentes que lle fan máis caso a aqueles que, dende algures, pretenden que seren español pasa pola uniformidade e non pola diversidade, cecais por un mal entendido sentido da "españolidade". Lémbrame moito a outras épocas e a outras xentes.
E, na onda do que escribiu antes outro que me precedeu, terá que concluír que, se existe discriminación positiva por razóns de sexo, e é algo aceptado por todos/as, por razóns obvias, haberá que aceptar discriminar ao galego en positivo, a menos que esteamos a dicir o contrario do que pensamos facer realmente. ¿Cantos mass media se expresan en galego e cantos en castelán? ¿Cantos médicos atenden en galego? ¿Cantos curas din misas en galego? ¿Cantos empresarios están dispostos a contratar a galego falantes para postos de responsabilidade? ¿Non parece, máis ben, que dende certas instancias ven ao que fala en galego como "revolucionario" ou algo así?
Dito isto, e remato, quérolle expresar que eu non estou por andar a laiarme continuamente coa teima esa de "que probes de espírito somos e que malos son os outros". Xa está ben. Coido que os galego falantes debemos de seren xente orgullosa de seu, como os cataláns, por exemplo, e falar o galego sempre, agás cos de fóra, e non só nas "misas", o cal non quere dicir que falar o galego sempre, incluso aos fillos, sobre todo aos fillos se queremos que a lingua non esmoreza, sexa pedir a independencia de Galicia ou outra carallada dese cariz.
Aos da outra parte tamén lles digo que vexo moi poucas esquelas en galego, moi poucas lápidas en galego e moitos fillos deles en castelán, logo tamén hai un algo de hipocrisía nalgúns comportamentos.