martes, 21 de enero de 2014

Sempre presente

A situación que está a vivir España polo desafío soberanista que está a realizar Artur Mas dende Cataluña resulta sorprendente. A súa postura, dende todos os puntos de vista, é rexeitable. Manuel Fraga, estou certo, non a compartiría. A súa convicción estaba moi lonxe deste plantexamento disgregador. El tivo sempre unha especial capacidade para entender Galicia e España como unha mistura única; para defender Galicia dentro da pluralidade de España; unha especial sensibilidade para entender esa realidade territorial que agora algúns queren converter en excusa para avogar pola diferencia na vez, como fixo el, de apelar á política como nexo de unión e como ferramente para facer da diversidade un elemento de riqueza e fortaleza. Hai uns días rendemos homenaxe na súa Vilalba natal a don Manuel, cando se cumprían dous anos do seu falecemento. Nese acto saliu a relucir, entre outros moitos aspectos da súa vida, esa concepción de Estado á que aludo, e que segue igual de viva e forte hoxe pese a que, uns poucos, pretendan, sen ningún argumento de peso ademais, poñer en dúbida. A figura de don Manuel é sempre motivo de lembranza e tamén de deber, porque é moito o que lle debemos, derivado precisamente desa alta concepción de Estado e de deber de estado que tan arraigado tiña. Nestes tempos nos que o descrédito e o desapego entre cidadáns e políticos é profundo, tamén a figura e o exemplo de Fraga resultan de obrigada alusión, como en outras tantas cousas. A súa honestidade é irreprochable e unha guía perfecta do que debe ser un bo político, sempre preocupado pola cousa pública, sempre entregado á defensa do interese xeral. O legado de Manuel Fraga, dentro da súa amplitude e variación, é sempre unha útil e rica guía do bo pensar e do bo actuar. Unha guía que moitos temos presente no noso día a día e á que deberían botar unha ollada de cando en vez os que non a teñen.

No hay comentarios: