martes, 18 de noviembre de 2014

Tras o 9-N

Pasou o 9-N. E despois de tanto alboroto estamos prácticamente como estabamos ó inicio deste longo e inútil proceso. Se falsa era a consulta igual de falso é o resultado. O único claro é que o Goberno central actuou con ponderación, rigor e firmeza; e que garantiu o que lle correspondía e que non é outra cousa que cumprir e facer cumprir a lei. Pero poñéndonos a rebuscar, podemos, como moito, chegar a refrendar conclusións que a maioría xa sabiamos. Unha das máis evidentes é que a gran maioría dos cataláns consideran e sinten compatible ser cataláns e ser españois e que o da secesión, independencia ou reivindicacións semellantes non lles interesa o máis mínimo. Menos dun tercio da poboación acudiu a este simulacro de consulta, ou o que cada quen queira chamarlle, e nin sequera todos marcaron o si-si. E iso que, como era evidente antes da súa celebración polas propias características desta denominada festa dos independentistas e como despois quedou acreditado, non había ningunha garantía democrática, principiando por controlar que participaran os que puideran facelo e que non repetiran esa intervención cantas veces desexaran, por poñer un exemplo básico. En conclusión, o éxito do que algúns (moi poucos) falan non foi tal. Outra cousa será o que decida a Fiscalía tras os feitos e, xa dende o punto de vista estrictamente político, as consecuencias que de todo isto se deriven. De feito, este longo proceso, ademais de buscar e ata incentivar o enfrontamento entre os cidadáns, conlevou un gasto importante a cargo dos fondos públicos (non hai que esquecelo), que alguén tamén terá que explicar e sobre todo xustificar porque, ó fin, todo isto pode reducirse a simple propaganda electoral. Tamén lle corresponde a Mas explicar o traballo desenvolvido pola Generalitat antes e despois do adianto electoral, motivado ou xustificado, cando menos, por este asunto porque, a primeira vista, semella que toda a actividade do seu goberno se reduciu a isto. Claro parece, á espera dos detalles pertinentes, que para o Presidente Mas só a independencia importa e, por conseguinte, os independentistas. O resto da cidadanía, que como se evidenciou é a maioría, nin lle importa nin lle preocupa.

No hay comentarios: