martes, 14 de julio de 2015

X o futuro de España

Acabamos de celebrar en Madrid a nosa conferencia política. Un foro de debate e diálogo co que quixemos reflexionar sobre os principais asuntos que afectan aos cidadáns para situarnos máis preto deles e tratar de serlles máis útiles. Non houbo liñas vermellas, falamos de todo: de emprego, de políticas sociais, de Europa e tamén de reformas internas e de reformas das institucións. Tratamos a reforma do Senado, unha institución da que formo parte e que tanto debate suscita. No meu partido estamos convencidos da súa importancia xa que, por exemplo, nos permitiu mellorar un 60% as leis que se aproban no Congreso e iso, é bo para todos. Aínda así, estamos convencidos de que hai que renovalo. Queremos que o Senado siga tendo un papel lexislativo, pero tamén un gran peso de representación territorial. Convertelo nunha Cámara autonomista que sexa foro de debate e discusión das leis que afectan ás Comunidades Autónomas. O PP non se pecha a facer reformas. Non somos inmobilistas, somos un partido moderno, capaz de liderar todos aqueles debates que afectan ao cambio de España. Falouse tamén da reforma da Constitución. Cremos que non debe plantexarse unha reforma constitucional que de cabida aos nacionalismos. Os principios do 78, o principio de consenso, o principio da igualdade de oportunidades, o principio da solidariedade e o principio da xenerosidade, son principios que seguen vixentes e equivocaríamonos se plantexásemos unha reforma constitucional coma un principio dicotómico entre o inmobilismo ou o reformismo a ultranza. O emprego e as políticas sociais estiveron tamén moi presentes. Agora que hai datos que obxectivamente apuntan a que estamos saíndo da crise (España liderará a creación de emprego no 2015 e 2016 na OCDE) debemos fixarnos nos que máis sufriron, porque é seu o mérito de que o noso país estea saíndo a flote. Queremos unha España moderna, unida e forte. A España da ilusión, o futuro e a esperanza. En definitiva, a España contraria á que herdamos a finais do 2011. Grazas ao traballo feito estes anos agora podemos afondar nas políticas sociais e emprender novas reformas que fortalezan a nosa democracia.

No hay comentarios: