martes, 8 de septiembre de 2015

O drama migratorio

Hoxe quero falar da conmoción que nos causou a todos a foto de Aylan, o neno sirio falecido cando intentaba escapar, xunto con toda a súa familia, do horror da guerra; a súa cidade foi asediada polos terroristas do autodenominado Estado Islámico hai medio ano. Desgraciadamente el non foi o único que faleceu intentando chegar a Europa, leva meses sucedendo. Segundo ACNUR, no que vai de ano 2.500 refuxiados morreron afogados no Mediterráneo. O drama migratorio que se vive no Exeo é de primeiro nivel e precisa dunha reacción rápida e concreta. Tamén nos conmocinaron as imaxes dos milleiros de homes, mulleres e nenos que, fatigados e desconcertados, se amoreaban na estación internacional de tren de Keleti, en Budapest. Non podemos darlles as costas; as dimensións desta traxedia migratoria, a peor que vive Europa despois da II Guerra Mundial, urxen un importante xesto de solidariedade por parte de todos. Unha resposta conxunta e de consenso por parte de toda a comunidade internacional. A Unión Europea xa lles pediu aos Gobernos o reparto de polo menos 100.000 refuxiados e o noso Presidente, Mariano Rajoy, xa dixo que España se sumará a esta iniciativa. Agora mesmo o prioritario é axudarlles, darlles asilo; pero a solución real pasa por atallar as causas desde a orixe. En Siria hai millóns de desprazados que se ven obrigados a deixar as súas casas fuxindo do terror que infunde o autodenominado Estado Islámico. É un dos principais retos aos que se enfronta Europa. A próxima reunión en Bruxelas dentro duna semana vai ser crucial. É importantísimo chegar a un acordo que permita establecer unha política migratoria única en toda a Unión para evitar que traxedias destas dimensións se produzan. E mentres este acordo non se materializa, a solidariedade debe ser a nosa principal arma para combater o terror dos terroristas do EI e axudar aos milleiros e milleiros de persoas que só foxen da morte buscando un novo lugar no que continuar coas súas vidas.

No hay comentarios: