lunes, 21 de mayo de 2018

Ser galego, unha forma de ser español

Como cada 17 de maio desde 1963, esta semana todos os galegos celebramos o Día das nosas Letras, da nosa lingua, da nosa cultura… Celebramos que somos e nos sentimos galegos. Celebramos as nosas peculiaridades, a nosa idiosincrasia, a nosa singularidade como pobo. Este ano, por cuarta vez na historia, a homenaxeada foi unha muller: Victoria Moreno Márquez. Esta estremeña de nacemento chegou a Galicia con 22 anos e, como ela mesma afirmou, namorouse da nosa terra e da nosa lingua. É unha das voces pioneiras da narración en galego e destacou pola súa traxectoria profesional e polo seu compromiso coa ensinanza. A relación de amor de Victoria co galego reafirma un vello dito: que somos un pobo acolledor. Galicia acolle con agarimo a todos os que deciden visitala e invítaos a quedarse para sempre. Incluso me atrevería a dicir que a moitos, como a Victoria Moreno, os atrapa. Non é unha cuestión de maxia, ou de meigas, é que, fronte a outras culturas que apostan por excluír, os galegos temos ese “don de xentes”, esa capacidade acolledora inherente á nosa cultura. A nosa lingua é, foi e será a nosa fonte de riqueza e unha das nosas sinais de identidade e é unha pena que moitos queiran usala para fomentar a división social. Algunhas formacións políticas pretenden facer súa unha celebración que é patrimonio de todos os galegos, empregan o discurso da lingua para obter réditos electorais e isto non é tolerable. Afortunadamente, non conseguiron trasladar esa fractura á sociedade galega. Desde o Partido Popular entendemos a lingua coma unha ferramenta de cohesión e de unión dun pobo. Defendemos que non ten por que haber problemas idiomáticos, que a convivencia pacífica nas institucións e na rúa entre o galego e o castelán é posible. Son dos que opinan que hoxe e sempre a nosa lingua debe permanecer viva e creo que debemos seguir traballando para iso, seguir fomentando, como o ven facendo o actual Goberno da Xunta, políticas de dinamización lingüística. Eu teño presente o galego todos os días do ano. Falo galego desde neno, pero tamén falo castelán e uso indistintamente ambas linguas, con total liberdade. Síntome galego de corazón e así o fago saber alá onde vou pero tamén me sinto español e é que para min sentirme galego é unha forma de ser español.

No hay comentarios: