jueves, 7 de junio de 2018

Grazas, presidente Rajoy

Mariano Rajoy foi o mellor presidente que tivo España, non teño dúbida. A súa marcha é inxusta e inxustificada e o tempo fará que os que agora o poñen en dúbida me dean a razón. Tivo que lidar coa peor crise económica da historia, co desafío separatista e coa abdicación do Rei. Sempre actuou con responsabilidade e coherencia, tomando decisións, algunhas difíciles, pero todas fundamentadas na única idea de mellorar España, e conseguiuno. Recibimos de Zapatero un país en quebra e agora lideramos o crecemento. Máis de 2,5 millóns de españois encontraron un posto de traballo; reduciuse o paro xuvenil e o feminino e ademais baixamos os impostos. Grazas, presidente Rajoy, polo esforzo e o tesón; grazas por ter sabido liderar coma ninguén a recuperación do noso país. Pedro Sánchez conseguiu a través de pactos nos despachos o que non conseguira nas urnas. Despois de obter o peor resultado da historia do socialismo quería ser presidente, a calquera prezo e conseguiu converterse nunha ameaza real para todos. Parece que o PSOE non se toma en serio nin as institucións nin a estabilidade de España. O Partido Socialista pensa gobernar en minoría da man dos populistas e os independentistas que queren romper o noso país. O discurso de Sánchez no Congreso deixoume preocupado; non explicou cal é o seu programa de goberno e o que é aínda peor, non explicou cáles foron as cesións que lles fixo aos independentistas cataláns e os nacionalistas vascos. Seguindo a senda das incoherencias que marcaron a súa traxectoria política, Sánchez vai gobernar facendo seus uns presupostos, os de Mariano Rajoy, aos que poucos días antes dera un “non” rotundo. O seu goberno Frankenstein é un perigo, por iso estou preocupado, igual que o están a gran maioría dos españois, que temen que o ego dun señor bote por terra o que tanto esforzo nos custou conseguir. A herdanza que deixa Rajoy é unha herdanza positiva e insisto en que o paso do tempo fará que todos (os que xa o facemos e os que aínda non) a valoren. Desexo, polo ben do meu país, que outros poidan deixar un legado igual cando rematen o seu mandato pero, de momento, isto parece una utopía.

No hay comentarios: