miércoles, 10 de octubre de 2018

A inacción fronte ás ameazas radicais

O aniversario do 1-O volveu a converter a Cataluña nun campo de batalla. Hai xusto unha semana os radicais protagonizaron numerosos incidentes que acabaron co asedio ao Parlamento catalán. Todos puidemos ser testemuñas das imaxes lamentables do políticos escoltados e os Mossos e a Policía Nacional intentando facer fronte aos independentistas. Tamén fomos testemuñas dos movementos políticos: por un lado o presidente da Generalitat animando aos CDR a seguir “apertando” e por outro a inacción de Pedro Sánchez. Desde o Partido Popular avisáramos a Sánchez de que a súa política de sosego non funcionaría cos radicais. Non se pode ofrecer diálogo aos que actúan permanentemente á marxe da Lei co único obxectivo de romper España. Non nos sorprende a actitude pasiva de Sánchez, porque está atrapado na súa hipoteca cos independentistas, a mesma que asinou para poder ocupar o asento na Moncloa. Desde o Partido Popular no Senado ofrecemos a nosa maioría para aplicar de forma inmediata o artigo 155 da Constitución, ca duración que sexa necesaria, para restablecer a orde en Cataluña. España necesita un Goberno estable que non estea sometido a chantaxes. Ante o delirio dos radicais o Partido Popular esixe ao Goberno que aplique a Lei de partidos para ilegalizar a calquera partido independentista que alente a violencia e non condene os actos violentos. Propoñemos que se reforme a Lei de Financiación de Partidos para que se impida que aqueles que promovan ou xustifiquen a violencia poidan financiarse con fondos públicos. Se Pedro Sánchez non pode ou non quere asumir as súas responsabilidades debe convocar eleccións xerais xa e permitir que sexan os cidadáns co seu voto os que decidan quen debe marcar o rumbo do noso país. O PP xa amosou hai un ano, co Goberno de Rajoy, que é capaz de facer cumprir a Lei, esixir que se respecte a Constitución e garantir a unidade de España. A todos os constitucionalistas, aos que amamos España e Cataluña dóenos presenciar esta situación. Están danando a economía de todos os cataláns e deteriorando a súa convivencia e esiximos ao Goberno que actúe de forma inmediata para poñer freo a esta deriva irracional.

No hay comentarios: