martes, 30 de agosto de 2011

Alfredo vs Rubalcaba

Mal principia Alfredo a súa antaina como candidato. É lóxico (aínda que inalcanzable) que tente desfacerse da súa complicidade e participación no Goberno presidido por Rodríguez Zapatero porque, é obvio, o legado non é para envalentonarse. Pero a sombra é tan inmensamente longa que nin prescindindo do apelido logrará zafarse da herdanza socialista que tan decisivamente contribuiu a construir sendo Rubalcaba.

E digo que comenza mal porque, ademais do golpe que lle supuxo o acordo para a inclusión do teito de gasto no texto constitucional (dado que hai un ano opinaba todo o contrario), as súas primeiras propostas adolecen precisamente dos mesmos erros que caracterizaron a actuación do goberno socialista dende a incipiente manifestación da crise económica. É dicir, con improvisación e lixeireza.

Como, se non é de ocurrencia, se poden calificar as súas reflexións en alto (pouco pontederadas a tenor das matizacións posteriores) nas que avogaba pola eliminación das deputacións?

Promoveu un ficticio debate sobre as institucións provinciais absolutamente baldío. Con el, desvirtuou de feito a xustificada reformulación do papel e as competencias que deben asumir as administracións públicas no seu conxunto e que nestre intre, precisamente polo delicado contexto económico, faise máis necesaria que nunca en aras de otorgarlles a máxima eficacia posible. Trátase de modernizar, de adaptar ó contexto actual a estructura do Estado e, nese ámbito, fixar o papel que terán que xogar as administracións provinciais; pero dende a racionalidade, non dos impulsos.

Fixoo, ademais, nun intre no que era razoable entender a proposta coma unha infantil patatela tras o mal encaixado descalabro electoral do pasado mes de maio.

A improvisación da súa idea púxose de manifesto coas matizacións posteriores, obrigadas polo rexeitamento suscitado entre destacados membros do propio Partido Socialista, e que fixo que en cuestión de días a iniciativa pasara de defender a desaparición, á modificación competencial ata acabar convertindo a institución nunha asamblea de alcaldes. Quizáis ignora don Alfredo que as deputacións enténdense xa coma o concello de concellos?

Total, fume sen lume.

As deputacións, coma o resto das administracións, deben flexibilizar a súa estructura e atribucións para, evitando duplicidades, facelas máis operativas. E nesta reforma profunda e global hai que abordar, tamén con seriedade e rigor, un tema clave: a financiación das entidades locais.

Insisto tamén noutra idea: a relación entre institucións, pese a que algúns o entendan e o practiquen de xeito diferente, non pode sustentarse na confrontación senón na colaboración, máxime no contexto económico actual. E menos aínda poden utilizarse as institucións provinciais coma un instrumento ó servizo do partido ou do político de turno que asuma a responsabilidade de gobernar. Unha responsabilidade que no caso concreto de Lugo ostentan ademais dúas forzas políticas que, aínda xuntas, obtiveron 3.200 votos menos que o partido gañador.

As deputacións, é xa ben coñecida a miña opinión, son necesarias. O seu papel é fundamental para auspiciar a vertebración territorial e para apoiar ás concellos máis pequenos e, por conseguinte, de menos ingresos. O que temos que lograr entre todos é que sexan máis eficaces.

En fin, parece que o candidato Alfredo parécese cada vez máis a Rubalcaba. É, polo tanto, máis do mesmo.

1 comentario:

Anónimo dijo...

tiene razón, Rubalcaba es tan responsable como Zapatero y los demás de lo que está pasando. por mucho que lo intente no podrá separarse de esa losa